top of page

PLAN ESTRATÉXICO DA REDE MUSEISTICA PROVINCIAL

1.- Creación da  Rede Museística


A Rede Museística Provincial, foi constituída oficialmente no mes de xuño do ano 2006, aglutina os catro Museos actualmente dependentes da Deputación provincial de Lugo. Museo Provincial de Lugo (MPL), Museo Etnográfico Fortaleza de San Paio de Narla, Museo Etnográfico Pazo de Tor e o Museo Provincial do Mar.
Estes catro museos xa se viñan xestionando desde o Museo Provincial de Lugo, algúns desde o momento da súa creación e outros desde a súa incorporación ao ente provincial.

A Rede Museística Provincial pretende, en resumo, unificar criterios e obxectivos, incentivar a colaboración, optimizar os recursos, e que todos se beneficien da condición de ser museos de acordo coa definición do ICOM.

 

2.- Presentación


No exercicio desta responsabilidade, a Rede de Museos iniciou un proceso de reflexión e estudo sobre a identidade do museo como institución pública que, ademais de cumprir as funcións que o identifican (conservación, adquisición, documentación, investigación e difusión) adquiriu un novo perfil que o converteu nun referente cultural de primeira orde na sociedade actual.
Esta Xerencia mantivo unha permanente análise da situación dos museos da rede mediante os DAFO de cada un dos museos da Rede: San Paio de Narla, Museo Provincial do Mar, Pazo de Tor, o que nos permitiu avaliar os obxectivos acadados durante os últimos anos e, ó mesmo tempo, detectar as novas necesidades e carencias dos mesmos. A diagnose facilitoulle á Área de Cultura da Deputación os datos necesarios para o establecemento dun novo esquema de traballo, trazado por unha orde de prioridades e renovados criterios profesionais, nos que prima a mirada sobre o museo como unha institución comprometida coa sociedade na súa vocación de servizo público.
O fortalecemento do vínculo establecido entre os museos e a sociedade é esencial co fin de favorecer a identificación do museo cos cidadáns e coas coleccións que neles se custodian. É a través deste vínculo entre a institución e o público cando cobra sentido o concepto de propiedade colectiva dos bens culturais que integran as coleccións dos museos da Rede. 


3.- Finalidade


Esta nova percepción serviu de premisa para determinar a finalidade deste novo plan para a redefinición e renovación de todos e cada un dos museos que integran a Rede Museística Provincial, e unha posta en valor  dos catro museos de xestión da Deputación Provincial.

O fin último será o traballo en rede como fórmula de xestión que garanta as características que deben definir aos museos integrantes da  Rede Museística:



a) O correcto funcionamento e cumprimento estrito das funcións propias da institución como museo.



b)  A máxima calidade no servizo ofrecido ao cidadán.



Do mesmo xeito, a definición desta renovación do organigrama da Rede de Museos permite establecer patróns comúns de funcionamento, establecer relacións directas entre os museos e fomentar a colaboración e cooperación en iniciativas comúns, así como compartir preocupacións e procura de solucións. O Museo Provincial, de maior dimensión en canto a recursos e proxección, debe actuar como museo de cabeceira e tutelar e apoiar os labores dos demais museos. Estes últimos serán pezas chave na articulación do novo mapa de museos da Provincia; o seu reforzamento será un dos aspectos que mereza máis atención.

Este criterio de vertebración dos catro museos esixe que cada unha das institucións integrantes da Rede adquira unha singularidade que garanta a súa pertenza á mesma, ao mesmo tempo que as transforme en institucións complementarias entre si. Este obxectivo unicamente pode ser conseguido coa posta en valor de cada un dos museos e da comunidade onde están asentado.



4.- Ámbito de actuación


Os Museos integrados na Rede Museística Provincial.

 

5.- Estrutura, obxectivos e horizonte temporal


Desde a Rede de Museos, como órgano xestor e responsable da coordinación dos catro museos, deseñouse un plan de traballo baseado en criterios de racionalidade e operatividade.
O Plan estruturase en seis áreas de acción, cinco de carácter vertical e outra de carácter horizontal que afecta de forma transversal ás anteriores áreas. Cada área, á súa vez, articulase en diferentes ámbitos de acción que desenvolven diversos programas de actuación e que marcan as directrices para a execución de moi distintos proxectos, con obxectivos precisos a curto, medio e longo prazo:

Áreas verticais:



 

A. Área institucional
B. Área de recursos humanos
C. Área de coleccións
D. Área de infraestruturas
E. Área de comunicación



Área Horizontal:



1. Área de cooperación e coordinación



A planificación, como instrumento básico para a xestión dun museo, convértese nunha das principais ferramentas deste novo plan. Por esta razón, o plan nace co compromiso de manter unha  programación e planificación actualizada, con carácter bianual, xa que consideramos que dous anos constitúen o prazo mínimo necesario para a posta en marcha e conclusión de gran parte dos proxectos contemplados. Así mesmo, hai que sinalar que a complexidade de moitas das actuacións en museos (así como os procesos de tramitación administrativa) obrigarán a prazos superiores, que serán encadrados no marco temporal do plan, que alcanza os catro anos de duración.
Con independencia desta planificación bianual, o plan será sometido a avaliacións anuais, co fin de analizar o desenvolvemento do mesmo e adoptar as decisións e solucións aos problemas que poidan terse xerado nese tempo, e permitirá, ademais, incorporar novos proxectos considerados necesarios para a consecución dos obxectivos.

 

A labor de planificación e programación esixe un compromiso de tódalas partes implicadas na xestión dos museos, prestando especial atención ós obxectivos específicos marcados en cadanseu plan museolóxico.

Ademais desta programación por obxectivos de carácter bianual e dos obxectivos establecidos en cada unha das áreas, o Plan de Museos nace cuns obxectivos principais, que afectan a diferentes áreas, e que, pola súa importancia, pasamos a sinalar a continuación.



OBXECTIVOS XERAIS:



A. Área institucional xerencial



- Implantar sistemas homologados de mellora continua na procura  da excelencia na xestión.

- Continuar coa incorporación da responsabilidade social corporativa dentro da estratexia da Rede Museística. Dende o ano 1999 levamos a cabo accións socialmente responsables, consecuencia directa da nosa propia actividade. Non obstante, coa creación do Departamento de Capacidades Diferentes e Accesibilidade debemos  estruturar a R.S. como proxecto dentro da planificación dos proxectos específicos en tódolos seus ámbitos. O obxectivo principal é mellorar a calidade de vida e impulsar o compromiso coa sociedade e o mantemento sostible, recollendo o compromiso e a loita da organización neste aspecto.

- Aproveitar as novas tecnoloxías. Despois de analizar distintos procesos e xestións estudamos a viabilidade dun proxecto para a integración da base de datos e o desenvolvemento da intranet e da xestión integral da Rede. Tras un proceso de reflexión trataremos que estes proxectos cobren vida neste período.

- Abordar a creación dun xestor documental de expedientes e procesos.

- Elaborar un Plan de xestión de espazos e redactar un proxecto social, cultural e estratéxico para os Museos da Rede Museística de Lugo para os anos 2011-2014.



B. Área de recursos humanos



- Desenvolver un programa de formación.

- Realizar novas descricións dos postos de traballo.

 

- Planificar horarios, gardas e descansos. Introducir o teletraballo como alternativa laboral.



C. Área de coleccións



- Topografiar e peinar as localizacions exactas das pezas. Comprobar o estado de tódalas pezas dos almacéns.

- Elaborar un plan de xestión de coleccións, incluídas as adquisicións, doazóns e depósitos cos seus protocolos.

- Establecer un sistema de intranet de catalogación, para compartir a información das coleccións, con acceso para tódolos departamentos, para aproveitamento o seu didáctico e informativo.

- Crear unha Enciclopedia on-line na web dos museos da Rede Museística, para incentivar a investigación.

- Implantar un protocolo cartelas para tódalas coleccións.

- Redactar un plan de conservación preventiva coa participación de tódolos departamentos do museo.

- Elaborar e redactar un plan intervención para a restauración das coleccións.

D. Área de infraestruturas



- Incorporar novos espazos para a súa xestión desde a Rede: Casa-Museo Manuel María e do conxunto etnográfico do Mazo de Ferreiravella de Riotorto.

- Crear un plan de conservación de edificios.

- Implantar un plan de seguridade nos edificios.

- Dispor de plans de evacuación en cada un dos museos.

- Definir plans de emerxencia.

- Establecer protocolos de actuación.


E. Área de Difusión e Comunicación



 

- Deseñar un novo plan de comunicación externa e interna.
- Crear unha Rede Dixital dos catro Museos, cunha maior participación nas redes sociais e a implicación activa de todo o persoal.
- Renovar a web da Rede Museística Provincial, despois de evaluar as deficiencias detectadas.



6.- Recursos económicos e humanos


Aínda que os recursos dispoñibles para a execución do Plan da Rede son limitados, as liñas de actuación deben cinguirse a dous principios básicos: a racionalización do gasto e a cooperación no seo da Deputación Provincial, especialmente coa Área de Cultura, que subliña o seu compromiso para a mellora de tódalas prestacións da Rede. Para o correcto desenvolvemento do Plan requírese unha implicación directa de todo o persoal da Rede e do dependente desta.


7.- Principais obxectivos e actuacións da Rede Museística 2012



 

  Obxetivos Xerais:

1. Novo programa de comunicación en Rede
2. Novo programa de difusión en Rede
3. Novo programa didáctico en Rede
4. Novo programa de administración en Rede
5. Novo programa de control arquitectónico
6. Novo programa de seguridade
7. Novo programa de Capacidades Diferentes e Accesibilidade
8. Novo programa de persoal; nova RPT



Actuacións Concretas 2012:



 

  1. Consecución e realización de proxectos para traballar os catro museos en rede.
  2. Realización dun amplo programa de Acción Cultural nos catro museos.
  3. Execución dun programa de conservación e intervención sobre as coleccións de Tor.
  4. Redacción das bases para a elaboración dun novo Plan de Comunicación e Difusión.
  5. Redacción dunha proposta de protocolo para a xestión das exposicións na Rede Museística.
  6. Celebración do 80 Aniversario do claustro do Museo Provincial.
  7. Renovación da oferta didáctica dos catro museos.
  8. Realización de revistas orais nos catro museos.
  9. Establecemento das bases para a elaboración dun novo plan de seguridade.
10. Elaboración das Guías nos catro museos en Braille e pictogramas.
11. Posta en marcha novo proxecto museográfico de Tor.
12. Traballo na nova guía de San Paio.
13. Programa de documentación: Solicitude aos departamentos científicos da definición topográfica das coleccións de tres dos museos da Rede.
14. Reorganización da biblioteca e desinsectación dos fondos de Tor.
15. Incremento da presenza da Rede Museística nas diferentes redes sociais.
16. Organización do XVII congreso DEAC.
17. Realización de proxectos expositivos con filosofía de traballo en rede abarcando toda a provincia:



- Arte de ser Muller nun mundo por compartir 4.0.
- Entre Marbella e Torremolinos.
- Monicreques de Pedro Lavado.
- Arte para Gozar.


18. Programa de investigación: levaronse a cabo estudos sobre a arquitectura de San Paio de Narla e dos Instrumentos de Tor.
19. Programa de conservación: fixeronse actuacións nos catro museos. 
20. En accesibilidade, traballamos na creación dun bloge accesible e fomos convidados a impartir diversas charlas en diferentes foros sobre o noso modelo de xestión accesible.
21. Presencia en diferentes congresos e xornadas, como o I Congreso de Educación Patrimonial, Xornadas sobre xestión e mediación cultural, NOSoutros: Arte, Comunicación e Integración Social...
22. Realización dun novo D.A.F.O., con informes sobre a necesidade de medidas correctoras en relación ás obras levadas a cabo nos últimos 5 anos na Rede Museística.
23. Redacción de informes sucesivos á Deputación Provincial sobre accións e medidas correctoras relativas á climatización, pingueiras, ascensor, desaugue, iluminación e xardín.
24. Instalación de nova megafonía.
25. Activación dun novo servizo de WIFI, accesible en todo o Museo Provincial, incluído o xardín.
26. Nova R.P.T.
27. Novo horario de apertura do Museo Provincial.
28. Creación dun clube de fidelización infantil e xuvenil para toda a Rede de museos: Peque-amigos.

                                                                                                                                                             
8.- Metodoloxía para a confección do plan estratéxico 2011-2014


Logo do novo organigrama donde a xerencia asume a responsabilidade dos catro museos marcamonos un novo plan estratexico.
A metodoloxía para a confección do novo Plan Estratéxico da Rede para o período 2011-2014, pretendeu sentar as bases nun completo exercicio de reflexión, baseado nun maior e mellor coñecemento do contexto social no que a Rede Museística realiza a súa labor. A reflexión realizada centrouse en catro eixos de actuación:



1. O desenvolvemento desde a Xerencia da Rede do proxecto "Museos para todos, entre todos", "Estratexias de naturalización".
2. A realización da revisión e peche do DAFO e do Plan Estratéxico 2006-2010 como paso previo necesario para abordar un novo período estratéxico.
3. Realizouse unha reflexión sobre os factores externos que condicionan o sector e a actividade da Rede museística,
4. Realizouse unha análise de grupos de interese, como público a través do tecido asociativo da provincia (artistas, veciños, asociacións culturais, discapacidades, apas).



 

• O borrador do Plan Estratéxico 2011-2013 presentarase a tódolos integrantes dos departamentos da Rede Museística co fin de informar e poder incorporar as ideas de toda a organización.
Froito desta reflexión definíronse caro eixos e vinte e sete obxectivos estratéxicos coas súas correspondentes liñas de actuación e proxectos ao fío dos procesos definidos na Rede. Paralelamente, revisáronse a misión, visión e valores da Rede Museística e de cada un dos museos.



ESTRATEXIAS DE NATURALIZACIÓN- Área institucional xerencial


É un Proxecto Social e Cultural que a través de toda posible manifestación da cultura pretende:

1.- Achegar e somerxer a Rede museística na sociedade.
2.- Intervir no debate social.
3.- Participar no proxecto de cidade,de comarca, de territorio e de país.
4.- Provocar o pensamento e a conciencia crítica.
5.- Elevar e dignificar o carácter contemporáneo da sociedade.



Para iso propón as seguinte estratexias:


1.- A busca e a incentivación da complicidade social.
2.- A busca e a incentivación da complicidade da comunidade creativa.
3.- A busca e a incentivación da complicidade corporativa e institucional.



E coas seguintes accións:


1.- Potenciar a identidade de cada un dos catro museos: misión,colección,solidez e discursiva  Esta é unha. Rede  de museos Deputación de Lugo creada oficialmente a través do pleno da Deputación,para xestionar mellor os recursos. En evolución permanente
2.- Considerar a experiencia ética e estética como patrimonio transmisible.
3.- Pensar globalmente, debater e actuar localmente.
4.- Abrir o abano de actuación dende o internacional ata o local.
5.- Proxectar a imaxe exterior da Rede.
6.- Recibir os valores externos, emitir os nosos.
7.- Establecer relacións, propoñer actividades e compartir proxectos.
8.- Potenciar o carácter educativo e innovador da Rede.
9.- Potenciar e proxectar valores democráticos, participativos e sociais dentro e fóra dos museos da Rede.
10.- Atención ao Principio de Transparencia e de Reciprocidade (como se ve a sociedade, vémola nós e como nos vexamos nós, venos a sociedade)

Área de Difusión e Comunicación



Liñas estratexicas de comunicación:


- Redacción de plans específicos, desenvolver  estratexias de comunicacion  en base a noción de complicidade.
- Revisión do estilo de comunicación, así como dos procesos de comunicación interna, a través da realización de reunións periódicas entre os distintos responsables das  áreas da organización. Manter viva a boa práctica de reunións eficaces, como instrumento dos procesos, proxectos ou plans necesarios.
- Os equipos de proceso deben funcionar mediante reunións lideradas polos responsables departamentos. Tamén se aplicaran boas prácticas na súa xestión e deben circunscribirse a ámbitos ou proxectos concretos (definición e mellora de procesos, reunións de revisión de plan de xestión, reunións de comité de calidade).
- Posta en marcha do proceso de Exposicións, cunha apreciable mellora nas estratexias de organización, coordinación e comunicación.
- Definición das interfases do proceso de comunicación, se ben estas non foron plenamente desenvolvidas, é unha das asignaturas pendentes a coordinación do traballo interdepertamental.
- Introdución dun protocolo para a recepción e xestión de exposiciones e intervencions temporais nas salas da Rede Museística.
- Protocolo para cesión de exposicións temporais a Concellos da provincia.
- Implantación da INTRANET-XESTOR DE EXPEDIENTES E PROCESOS.
- Realización e implantación dun Manual de Estilos de comunicación.
- Establecemento dun plan de comunicación Interna co posicionamento transversal no conxunto interdepartamental a través de blogs para cada departamento, que permitirán o aporte dunha visión global das actuacións de tódolos departamentos.
- Publicación de dossieres de prensa trimestrais, semanais e diarios para un detallado
seguimento das noticias xeradas pola Rede.
- Fortalecemento da identidade coorportiva dos catro museos.
- Traballar a creación de publicos e Redes Socias dende a Accesibilidade aos museos.
- Traballar smartphones tablets e outros dispositivos móbiles  nos nosos espacios museísticos.


9.- Principais obxectivos e actuacións da Rede Museística  Plan Estratéxico 2011-2014



Obxectivos Xerais:


- Crear un proxecto social, cultural e estratéxico para os Museos da Rede Museística de  Lugo para o periodo 2011-2014.
É complicado e arduo tratar de desenvolver un Plan Estratéxico nas actuais circunstancias, tanto económicas como sociais e culturais. A incerteza na que nos encontramos obríganos a facer un dobre ou triplo esforzo para definir as actuacións que serán a nosa folla de ruta nos próximos catro anos. Haberá que despregar rigorosamente indicadores que nos faciliten o seguimento das accións emprendidas, pero a pesar de que prevexamos actualizacións e revisións anuais, teremos que estar moi atentos ás cambiantes condicións sociais para evitar que nos desviemos do noso camiño e que o Plan Estratéxico se faga irrecoñecible.
O espírito deste terceiro Plan Estratéxico articúlase arredor da idea expresada no Proxecto "Estratexias de traballar en Rede". Poderiamos dicir que, nalgunha medida, é un desenvolvemento profundo deste xa que, debido a causas alleas a esta xerencia, aquel quedou incompleto e sen articular en moitos dos seus contidos. Non obstante, contén diversos capítulos que consideramos son a base para un Plan Estratéxico viable e efectivo,  que consiga alcanzar aqueles obxectivos que estaban claramente expresados naquel proxecto inicial donde naceu a Rede Museística.
- En primeiro lugar, como primordial eixe estratéxico, o establecemento de relacións co entorno inmediato integra o contido básico do documento "Estratexias de Naturalización” referido anteriormente, no que se fala de achegar a Rede Museística á sociedade que o sostén, é dicir, a acción de naturalizar, ou dito doutro xeito, mimetizar a Rede Museística na mesma sociedade lucense. Este concepto viña precedido polo substantivo "Estratexias": é dicir xa na súa propia esencia, intentouse articular e engarzar unha posible utilización como base estratéxica que debería naturalizar a Rede Museística coa sociedade que o sostén.
No proxecto, achégase tamén o instrumento para conseguilo e que constitúe un dos elementos clave que define este Plan: a complicidade recíproca coa sociedade, é dicir, "despregar a solidariedade ou a camaradaría mutua, sempre, nunha dobre dirección". Aquel documento analizaba, describía e afondaba en tres tipos de complicidades que van ser agora, neste novo Plan, a clave que evitará a confusión que moitas veces se dá cando no fragor diario se chegan a solapar as distintas sensibilidades que compoñen o suxeito e o obxecto dun centro como o noso.

- No segundo eixe estratéxico recollemos o que denominamos Proposta Programática, para iso temos que procurar como equipamento cultural, a sistematización nas actuacións e, como proposta novidosa, aplicar o “work in progress” como filosofía de traballo, é dicir, temos que estar en permanentemente “movemento ou evolución" (work in progress).
O devandito proxecto trata de localizar e poñer en valor o concepto de identidade dos catro museos que compoñen a Rede Museística. Non parece posible saber que se quere facer se non se sabe que se é ou quen se é. A identidade acouta e é capaz de darnos a suficiente lucidez como para precisar con claridade os nosos obxectivos. Defínense cinco identidades que fan dos nosos museos centros singulares e únicos e nelas concéntrase toda a innovación conceptual, ideolóxica e estratéxica deste Plan. Unha tras outra, pero sobre todo, todas en conxunto fan destes catro Museos algo notable, exclusivo e irrepetible, polo que traballar de acordo coa súa identidade debe levarnos obrigatoriamente cara á excelencia.
  Ao longo deste curto período de tempo, o cumprimento do anterior Plan Estratéxico foi acadado nos museos pequechos, pero non no Museo Provincial de Lugo.
Aínda así, o plan  conseguiu situarnos como verdadeiros museos de comunidade, logro que potenciaremos máis se cabe, tratando de subsanar algunhas cuestións, que teremos que desenvolver máis en profundidade, e mellorar os erros detectados.

- En terceiro lugar, consideramos as persoas como eixe estratéxico esencial para o traballo de base da Rede Museística. As persoas deben ser tidas en conta non só como os axentes que fan realidade este equipamento, senón como o elemento activo, comprometido e participativo que melloran día a día o labor dos nosos museos. Deste xeito, deseñaranse ferramentas de colaboración interna que o fagan posible e que producirán como resultado un alto nivel de satisfacción tanto dos que traballan, tanto dende dentro da organización como dos colaboradores e empresas externas.

 

- E como cuarto eixe estratéxico, aspiramos a unha xestión sostible que faga realidade a mellora continua da organización desde tódolos puntos de vista:

 

Novo programa de comunicación en Rede
Novo programa de difusión en Rede
Novo programa didáctico en Rede
Novo programa de administración en Rede
Novo programa de control arquitectónico
Novo programa de seguridade
Novo programa de Capacidades Diferentes e Accesibilidade
Novo programa de persoal
Novo programa de coleccions
Novo programa de conservación preventiva
No programa de investigación

       

          

bottom of page